Friday 03 de May de 2024

O Concello de Brión inviste 25.000 euros no parque infantil de Guitiande (Os Ánxeles)


O Concello de Brión vén de rematar as obras de instalación de pavimento continuo de caucho no parque da aldea de Guitiande, parroquia dos Ánxeles, nos que investiu un total de 25.157,05 euros. Unhas obras executadas durante este último mes pola empresa Jardinería Arce SL e que consistiu na substitución do anterior pavimento feito a base de area por un pavimento continuo de caucho de cores, previa nivelación do terreo.

Este novo pavimento caracterízase pola súa durabilidade e pola súa flexibilidade, o que lle permite amortecer os golpes nas caídas ademais de ser antiescorregadizo. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “estamos apostando por substituír progresivamente os solos de todos os parques infantís xa que este chan de caucho de cores é moito máis duradeiro, limpo e seguro, xa que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar”. Unha situación especialmente importante no parque de Guitiande, que está deseñado para nenos de entre 3 e 6 anos.

O Concello de Brión ten previsto investir outros 32.783 euros ao longo deste ano para instalar pavimento continuo noutros dous parques infantís do municipio, situados nas urbanizacións “Devesa da Gándara” e “Monte Devesa”. Uns parques que se sumarán aos dous parques municipais de Lamiño, que xa contan con este novo pavimento dende finais de 2014.